Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 30 de abril de 2024
Desde o corno dereito da lúa

Aburrido de estar sentado sobre o corno esquerdo dunha vaca (poñamos por caso, a Turina), pasei a tombarme sobre o corno dereito da lúa en cuarto minguante. Ai logo, cámbiache ben o conto! Outra perspectiva, outro panorama, outra visión moito máis... universal? Quérolle á Turina, pero a lúa... esa lúa que sempre me sorrí e me chisca o ollo esquerdo é moita lía diúrna, nocturna e divina.
Pingas de Orballo A maiores de estar tombado, noto como floto polo espazo sideral. É practicamente o mesmo que cando me meto nos soños dunha ilusión. Nestes sempre saio vencedor e é coma se estivera en suspensión nun poema de poucos versos. Para que quero moitos? Ás veces, cun simple pareado dise máis que en toda unha novela.
Desde o corno dereito da lúa vexo as estrelas. Son bonitas. Vexo na distancia o planeta Terra. Non sei que dicir sobre ela. E agora menos; con ben que estou aquí arriba. Non sei como se estará de pé sobre o fociño dun porco de ceba, pero na lúa... que carallo, estou máis cerca do ceo.
Ademais, desde a lúa podo berrar ata esgazar a gorxa e sen molestar a ninguén. Berro. Deixo caer un berro seco, primeiro, e, despois, un berro eterno. Noto como treme a propia lúa, pero nada máis. Berro con dirección a todos os planetas que contemplo e co corazón zumbando de ansiedade. Berro coma se estivera pechado nunha habitación en penumbra, aínda que ben sei e ben vexo que vivo sobre o corno da lúa. Borboríñolle ó oído, ela sorrí e chíscame os dous ollos case ó unísono. Cando canso déixome caer, por fin, sobre o lombo do burro. Fago que trote ata máis alá dos soños, ata máis alá do infinito.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES