Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un miliario romano e vigués

miércoles, 03 de junio de 2015
O novísimo miliario romano que non sei moi ben se caeu do ceo ou do digno concello da cidade olívica moi preto da igrexa de Santiago de Vigo (sen lle a esta ocasionar dano ningún) é desde logo algo que mereceser visitado, preferentemente con visita guiada... Pois nel hai inscricións, aínda que non moitas, que precisan axuda culta. Unhas están escritas nunha lingua que pra algúnsé case morta ou a piques de morrer, a que chaman galega; outras noutra lingua que leva xa tempo morta, aínda que algúns tivemos feliz oportunidade de aprendela de mozos porque nos dicían, e tiñan razón, que sen sermos suficientemente sabedores dela pouco saberiamos a fondo ede verdade sobre as linguas romances coma o noso galego, que por certo segue a ser pese a todo a miña lingua, aquela que, en canto de min dependa,utilizarei a cotío e mentres teña un sopro de vida.

Esa outra lingua á que me refiro é naturalmente a latina, da que xurdirían co tempo, ademais da galega, outras linguas do noso contorno europeo. Evidentemente, tratándose dun miliario romano a lingua latina non podía estar ausente nel.

Pois ben, na parte baixa do miliario e con letras ben grandes pra que se poidan ler doadamente sen darmos grandes saltos pódese ler, se non lembro mal, o seguinte: VIVERE IN PULCHRAM CIVITATEM. Se por arte de maxia aparecese por alí nestes días algún falante en latín dos tempos antigos ficaría ben desconcertado.

Aínda que cada unha das palabras son, si, latinas, laiaríase con razón de que a súa pulcra lingua fose tratada nesa frase de maneira tan pouco digna. Nela, efectivamente, vénse dicir, máis ou menos, algo tan inintelixíbel coma isto: vivir a unha fermosa cidade. Como calquera coñecedor do latín, por pouco iniciado que estea nesa lingua, ben sabe, se o que se pretende dicir é que “vivimos nunha fermosa cidade”, entón no esvelto miliario tería que lerse: “vivimus in pulchra civitate”. Se, en troques, só se quere eternizar unha simple sentencia xeral e abstracta, a de “vivir nunha fermosa cidade”, sen máis engadidos que a concreten, entón abondaría con retirarlles os emes finais ás palabras “pulchram” e “civitatem”.

Mais tampouco me cabe dúbida algunha de que cargarlle nos ombreiros a todo un miliario unha frase tan baleira e xenérica coma esa non tería xustificación. En fin, esperamos que os doutos responsábeis da mensaxe insculpida con vocación de eternidade no novo miliario sexan quen de deixarnos ben arranxada a súa faciana, unha vez pasadas xa as présas inaugurais da rematada campaña electoral.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES