Notas de prensa

Investigadores de Vigo e Oviedo proban con éxito en laboratorio o seu deseño de antena para un rover de exploración das covas lunares

Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.

En Antennas for Underground Communications participan por parte da Universidade de Vigo Marcos Arias, Lorena Pérez, Alejandro Gómez, Fernando Aguado, Antonio Pino, Óscar Rubiños, Fermín Navarro, Borja González e José Vázquez, membros do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial e do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas e todos eles pertencentes a atlanTTic. Por parte da Universidad de Oviedo o equipo investigador está composto por Susana Loredo, Ãlvaro Pendás, Germán León, Luis F. Herrán e Miguel Fernández, xunto coas estudantes Sheila Moro e Alba Moro. Os ensaios realizados no campus de Ourense tiveron lugar no edificio Campus Auga, onde desenvolve parte da súa actividade a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, á que pertencen tanto Alejandro Gómez como Fermín Navarro.

Camiñando cara futuras bases humanas na Lúa

Para entender como xorde esta iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea, Fermín Navarro explica que a ESA inicialmente xera proxectos de carácter global, como por exemplo un anteriormente realizado polos mesmos investigadores da UVigo e Oviedo RoboCrane, destinado a deseñar un 'rover' e unha grúa para baixar robots pequenos ao interior das covas lunares. Posteriormente, a ESA divide estes proxectos globais en outros máis concretos, estudando cada parte separadamente. Así, Antennas for Underground Communications céntrase no deseño, fabricación e ensaios dunha antena para ir a bordo dun 'rover' destinado a entrar en covas da Lúa.

Segundo sinalan os membros do proxecto, un dos focos de interese prioritarios actualmente no estudo da Lúa son as súas covas, tras ser identificadas varias entradas a tubos de lava paralelos ao solo e de grandes dimensións. No camiño que están a percorrer as axencias espaciais cara o establecemento de futuras bases humanas no satélite da Terra, estas covas, aínda por explorar, comentan as e os investigadores, “son formacións de interese porque poderían ser un lugar moi bo para estar protexidos da radiación, que impacta no corpo dos astronautas, e porque as temperaturas no seu interior son relativamente máis estables que na superficie, onde hai moitos de graos de diferencia do día á noite”. No proxecto Antennas for Underground Communications, que rematará en xuño deste ano, abórdase o deseño das antenas tendo en conta que se enfrontarán a esta contorna descoñecida, prevéndose que sexan covas máis grandes e con superficies máis regulares que na Terra, debido á menor gravidade.

Diferentes ensaios

Ao longo do desenvolvemento do proxecto, o equipo investigador analizou as posibilidades de comunicación nestas covas, tendo en conta as súas posibles características (como a altura e as propiedades de refracción das paredes) pero tamén as características previstas do 'rover' e da colocación nel da antena. Feito o deseño conceptual da antena, as primeiras probas dela fixéronse en Lanzarote en maio e posteriormente nunha cámara nicoica para ver o seu comportamento electromagnético. Dando un paso máis nestes ensaios, a pasada semana realizáronse en Ourense os ensaios técnicos precisos “para comprobar que a antena se comporta igual en todo o rango de temperaturas que se agarda que enfronte no espazo”. Probouse en condicións de espazo, é dicir, en baleiro, e someténdoa a temperaturas extremas previstas para o interior das covas, desde menos 20 graos a 60 graos.

“Nesta parte do proxecto o que temos que facer é medir a antena nunha contorna similar á que vai a atoparse cando vaia a Lúa: unha contorna en baleiro e nunha temperatura cambiante”, comenta Germán Léon, profesor da Ãrea de Teoría do Sinal e as Comunicacións da Universidad de Oviedo. Para estes ensaios técnicos elixíronse os casos extremos, de moi frío e moi quente, aplicando á antena un ciclo de frío a quente e monitorizando o seu comportamento e temperatura ao longo deste ciclo. “Por agora vai todo ben. A resposta é positiva”, sinala o investigador. Antes do remate do proxecto, as e os investigadores volverán a facer ensaios en Lanzarote, no mes de maio.

Universidade de Vigo, 2024-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES