Notas de prensa

Desenvolven na USC unha metodoloxía anovadora para a diagnose da inflamación articular

Un equipo interdisciplinar de investigación no que participan a USC, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), o Centro Universitario de Odontoloxía de Basilea (Suíza) e a Universidade e o Hospital Universitario de Aarhus (Dinamarca), presenta unha nova técnica para diagnosticar e medir a inflamación articular a través de imaxes volumétricas sen contraste.

Os métodos actuais de seguimento da inflamación nunha única articulación dependen de índices derivados do exame clínico, como a detección do engrosamento sinovial, isto é, o aumento do líquido que cobre as articulacións. Así, para detectalo e proceder, á confirmación clínica de inflamación ou artrite na articulación temporomandibular (ATM, a que une a mandíbula co cranio) cómpre unha imaxe. A Resonancia Magnética (RM) con contraste é na actualidade a modalidade máis empregada para a diagnose da afectación desta articulación, e tamén a que achega máis información, pero a significación dos datos que proporciona e a súa interpretación son aínda motivo de debate. A diagnose da doenza é, pois, un campo aberto e especialmente espiñento de termos en conta que a artrite da ATM ocorre comunmente en pacientes con artrite idiopática xuvenil (AIX) que, se están en idade infantil, poden non referir dor.

Se ben noutras articulacións como os xeonllos se desenvolveron métodos para medir o volume do revestimento sinovial na sinovite crónica a través de RM reforzada con contraste, estes nunca se aplicaran á articulación temporomandibular , cuxa valoración clínica é moi diferente da das outras articulacións. Agora, a colaboración entre persoal investigador da USC, o IDIS, o CHUS e as citadas institucións de Dinamarca e Suíza, permitiu idear un novo método co que calcular volume articular e ofrecer unha medida cuantitativa indirecta do tecido inflamado na ATM. No estudo, que acaba de ser publicado na revista Orthodontics and Craniofacial Research, pártese da accesibilidade e o fácil manexo dunha proba radiográfica como a tomografía computerizada de feixe cónico (CBCT polas súas siglas en inglés), unha técnica de uso habitual nas clínicas dentais, para aproveitala no exame clínico destas pequenas articulacións con artrite. Segundo as autoras e autores, isto permite confirmar a presenza de líquido inflamatorio nesa articulación tan pequena por un aumento do volume. A través deste novo método, que calcula o volume articular a través de demarcacións de áreas, o persoal investigador detectou unha alta diferenza entre doentes con AIX e as persoas sas que conformaron o grupo de control. O volume resultante na ATM de doentes con artrite foi o dobre que na articulación de individuos sans.

No estudo, a estimación do volume articular en ATMs afectadas pola AIX logrouse perfilando o espazo articular inflamado en imaxes de CBCT. Deste xeito, o equipo investigador establece un criterio para a identificación da AIX, definido por un cuadrante onde non se atopa ningunha das persoas con esa doenza. O interese clínico desta delimitación numérica, que expande así o abano de posibilidades de diagnose con ferramentas de imaxe, estriba no feito de que abre a porta a identificar a existencia de artrite na ATM en casos dubidosos cunha técnica de baixo impacto comparada coas ata o de agora existentes.

Acceso aberto e en liña ao estudo

Co título Quantification of temporomandibular joint space in patients with juvenile idiopathic arthritis assessed by cone beam computerized tomography (Cuantificación do espazo da articulación temporomandibular en doentes con artrite idiopática xuvenil valorada por tomografía axial computerizada), o artigo está dispoñible para a consulta en acceso aberto.

María Florinda Otero (investigadora do IDIS), Pablo García Tahoces (do departamento de Electrónica e Computación da USC), Antonio Mera (xefe do servizo de Reumatoloxía do CHUS) Carlalberta Verna (investigadora do Centro Universitario de Odontoloxía de Basilea), Michel Dalstra (da Universidade de Aarhus) e Troels Herlin e Thomas Pedersen (do Hospital Universitario de Aarhus) conforman o equipo investigador deste estudo liderado polo catedrático do departamento de Física Aplicada e investigador do Instituto de Materiais da USC, Jorge Mira.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÃGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES